Libro «Catalunya i l’Europa futura» («Cataluña e a Europa futura») de Alexandre Deulofeu i Torres, editado no ano 1934 e reeditado en 1978. Páxinas 297 a 300.
Capítulo XIX. Como chegaremos á confederación universal?
Cal vai ser a futura organización mundial? Evidentemente, unha federación voluntaria de pobos libres, dentro da cal todos eles teñan a mesma categoría e, xa que logo, a mesma influencia.
Como podemos chegar? Evidentemente, por evolución natural, a cal vaise ir realizando por dous vieiros diferentes:
- 1º. Por desintegración dos imperios e subseguinte liberación das nacionalidades sometidas, as cales entrarán primeiro a formar parte dunha federación parcial. Este é o caso da desintegración do imperio austro-húngaro, tras da cal quedaron liberados os checos, os eslovacos e Hungría. Os primeros uníronse voluntariamente para constituír unha República dentro da cal cada un dos pobos goza de plena liberdade. A Revolución rusa deu lugar á creación da Federación de Repúblicas Soviéticas. Outros pobos, como Estonia, Lituania, Letonia, fixéronse completamente independentes, pero hoxe xa se enxerga a futura federación de pobos bálticos. Continúan plenamente independentes Hungría, Polonia y Austria.
- 2º. Os pobos sometidos conseguen un réxime autonómico dentro do imperio, e este vai evolucionando devagar cara un réxime federal, até anular absolutamente a preeminencia do pobo que até daquela exercera a hexemonía. Exemplos: En España observamos como o derrube da monarquía dá lugar á implantación dunha república federable, na cal, e en primeiro lugar, se declara en réxime autonómico Cataluña.
Hoxe, ninguén descoñece o movemento nacionalista vasco, que ao cabo rematará cun réxime autonómico para Vasconia e Navarra. O mesmo acontecerá con Galicia, Valencia, Mallorca, probablemente con Aragón, e se cadra con outros pobos de España. Esta evolución soamente necesita tempo para irse realizando.
No intre en que os pobos autónomos cheguen á súa plenitude, crearán una federación de repúblicas hispánicas, constituída polas repúblicas catalá, castelá, galega, valenciana, mallorquina, portuguesa, ou ben por subfederacións como a federación calalá-valenciana-balear, federada ao seu tempo coa galaico-portuguesa, castelá-leonesa, vasco-navarra, etc. Estas subfederacións, dentro das cales as repúblicas terán un réxime de liberdade, que será limitado pola propia vontade, nomearán os representantes respectivos para a constitución dun Parlamento xeral, que se reunirá alternativamente nas diversas capitais das repúblicas, e que se ocupará dos asuntos de tipo internacional que as federacións parciais queiran outorgarlle.
O mesmo pasará probablemente nas Illas Británicas con Irlanda, Inglaterra, País de Gales e Escocia, e en Francia coa federación de repúblicas occitanas e as repúblicas de Bretaña, Normandía, Illa de Francia, etc., etc.
Estas federacións, a semellanza da U. R. S. S., terán un artículo que dirá: As repúblicas federadas teñen o dereito a separarse cando queiran da confederación. Terá desaparecido o concepto anticuado de patriotismo español, francés… España e Francia, así como outras potencias decadentes serán substituídas polas agrupacións dos pobos federados. Como non existirán prexuízos patrioteiros, loxicamente os pobos terán tendencia á supresión dos réximes aduaneiros, e loxicamente a federación ibérica, coas federacións doutros países, tenderán á constitución dun Parlamento común, no cal estarán representados cada un dos pobos federados.
Ampliando a confederación, chegaremos ao ideal supremo que consistirá nunha multitude de pobos libres, cos seus gobernos e Parlamento propios, e cun superParlamento, que estará constituído por un representante de cada unha das pequenas repúblicas europeas, e cun móvil fundamental: manter a paz entre as nacionalidades confederadas.
Como evitaremos de vez a posibilidade dun conflito armado? Sinxelo. Cada república terá un servizo de orde pública e este servizo estará ás ordes do Parlamento xeral sempre que este o precise. Pero enténdese que isto non vai acontecer nunca, pola simple razón de que a súa forza será inmensa fronte de calquera dos pobos federados. En caso de diverxencia entre dous Estados, a causa do litixio será levada ao Parlamento e será resolta democraticamente segundo os votos da maioría. Enténdese que o fallo será acatado inmediatamente, por sentido democrático, e porque non haberá ningún Estado particular suficientemente forte para opoñerse a todo o exército internacional.
Fatalmente chegarase á adopción dunha lingua internacional. Enténdese que, ante a existencia de máis de dúascentas linguas oficiais farase totalmente imprescindíbel o uso dunha lingua única nas deliberacións do Parlamento xeral. Esta poderá ser o esperanto ou ben calquera outra lingua que non sexa, por mor de evitar suspicacias, ningunha das dos pobos federados.
Europa avanza cara a un réxime político semellante ao comprendido no gráfico entre os anos 100-350 (a. X. C.) na Idade Antiga, e entre os anos 800-1500 na Idade Media, coa diferenza que así como nestas etapas existían múltiples federacións parciais e pequenas nacionalidades completamente libres, sen un núcleo superior que regulase as diverxencias, na Europa futura existirá unha Sociedade de Nacións verdadeira, que imposibilitará os conflitos armados internacionais.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.